05/12/2017.

Andaina e Fonte da Virxe na Feira dos Autónomos

O mércores 6 de decembro, comeza a gran cita anual da Federación de Autónomos de Galicia, un enorme escaparate de produtos e servizos que é a Feira de Autónomos FEMAGA 2017. Este encontro celebrarase no recinto feiral da Coruña,  Expocoruña, ata o próximo día 10 en horario ininterrompido de 11:00 a 21:00 horas.

Ocuparase toda a superficie dispoñible no recinto feiral da Coruña para dar cabida a máis de 270 empresas, record absoluto da feira en todas as edicións, que ocuparán máis de 350 casetas e unha superficie total de máis de 20.000 metros cadrados. Entre eles haberá unha caseta reservada para FEAFES Galicia, no que mostrarán e venderán os seus produtos as asociacións Fonte da Virxe (de mércores a sábado) e Andaina (domingo).

Ademais da área reservada a asociacións e entidades sociais, haberá múltiples sectores representados, desde a alimentación-hostalería, ata unha zona de tapeo, comercio local, mobles, decoración, informática, seguros, e a presenza de numerosos empresarios autónomos.

A Feira de Autónomos FEMAGA 2017 tamén contará con actividades culturais e lúdicas. Cada día celebraranse varios concertos gratuítos por parte de grupos locais, que terán lugar no Auditorium de Expocoruña. Haberá un servizo de gardería infantil e unha zona xuvenil de lecer con diversas actividades como free play, xogos  de cartas, talleres diversos, e a novidade dunha  Súper Tirolina de 130 metros.


Compartir contido