27/04/2018.

Aprendemos claves para organizar un evento solidario

O pasado mércores 25 de abril, tivo lugar o “Seminario de organización e produción dun evento solidario” na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Organizado polo grupo de Comunicación de EAPN Galicia (Rede  Galega de Loita contra a Pobreza), foi impartido por Lorena Seijo e Sonia Díaz da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO).

Esta xornada, dirixida ao persoal técnico das asociacións integradas na rede, contou coa participación de máis de 50 persoas de vinte entidades galegas, que tiveron a oportunidade de aprender claves para a organización e produción dos eventos solidarios que se levan a cabo desde calquera entidade social, así como mellorar a súa comunicación. Entre os participantes, houbo 11 persoas pertencentes ás asociacións de saúde mental Alume, A Creba, Fonte da  Virxe, A Mariña, Doa e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.

A xornada tratou de abordar diferentes aspectos como o que, quen, cando, como, onde… pero sobre todo o por que de calquera acto, así como os procesos previos de diagnose, organización e montaxe. Tamén se presentaron documentos e ferramentas de utilidade, como os factores de protocolo nos eventos.

O seminario contou cunha parte práctica onde os participantes, a través de grupos de traballo, crearon nun tempo prelimitado o seu evento, tratando aspectos como a programación, as necesidades de produción e recursos humanos, os tempos e os orzamentos dispoñibles, mantendo un equilibrio entre todos eles.

Por último, realizouse unha introdución a algunhas claves e recursos dirixidos a unha comunicación de eventos de calidade por parte da entidade.

Para descargar a presentación do seminario, pica aquí

Vía EAPN Galicia


Compartir contido