27/09/2017.

Aprendemos sobre vivenda e menores

O pasado venres 22 de setembro, o asesor xurídico de FEAFES Galicia, Rodrigo Blanco, impartiu unha charla sobre vivenda e menores dirixida a mulleres usuarias da delegación de Ourense. Esta actividade enmárcase dentro do proxecto de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, da Secretaría Xeral de Igualdade. 

O coloquio comezou ás 10:30 e tivo unha duración de 3 horas, durante as cales o asesor xurídico explicou nocións lexislativas básicas sobre vivenda e menores e resolveu as dúbidas das mulleres que participaron no obradoiro. 

Algúns dos temas tratados foron as relacións paterno-filiais, abordando cuestións como a patria potestade, a obriga de alimentos entre parentes ou a tutela, así como os arrendamentos urbanos, centrados nos dereitos e obrigas de propietarios e inquilinos.

Atención integral a mulleres con enfermidade mental

O Programa de Atención Integral a Mulleres cunha Discapacidade por Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas. 

A este propósito, FEAFES Galicia organiza distintas charlas e talleres onde as mulleres poden potenciar a súa autonomía, elevar a súa autoestima e aprender a valerse por si mesmas. O obradoiro sobre vivenda e menores realizado recentemente en Ourense é un exemplo disto.



Compartir contido