02/05/2016.

Aprendendo máis sobre a depresión



O pasado 26 de abril, a oficina da Asemblea Local de Boiro acolleu a charla “Depresión: achegámonos á enfermidade” coa fin de informar e sensibilizar á poboación sobre as causas, efectos e tratamentos que ten este trastorno. O coloquio foi impartido por profesionais de Cruz Vermella e de FEAFES Galicia, que ademais de explicar en que consiste esta doenza proporcionaron posibles estratexias para abordar situacións específicas asociadas á depresión.

A charla estivo dirixida especialmente a persoas maiores e a usuarios pertencentes ao Plan de Inclusión Social, aínda que puido participar calquera persoa interesada no tema. Para comezar, explicouse qué é a depresión e sinaláronse os seus síntomas, ademais de presentar os tipos de depresión que existen e cales son os principais factores de risco. 

A continuación explicouse que medidas hai que tomar ante un diagnóstico de depresión (como tratalo, que relacións hai entre depresión e ansiedade, que tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos existen, etc.). Finalmente, presentáronse algunhas técnicas para evitar recaídas, tanto para as persoas que teñen depresión como para os seus achegados.

Deste xeito, esta charla serviu para coñecer a relevancia da depresión en persoas maiores, ofrecer ferramentas para que as persoas que as padecen poidan acadar unha maior calidade de vida e definir diferentes estratexias a seguir cando se manifestan problemas depresivos.
Compartir contido