26/07/2017.

Arte colaborativo nas rúas de Compostela

A asociación de saúde mental Fonte da Virxe, con sede no Barrio de San Pedro, realizará durante a vindeira semana unha acción de sensibilización coa que pretende achegar a realidade da saúde mental á veciñanza a través dunha actividade artística participativa. Dita actividade será presentada o luns 31 de xullo ás 12:00 nas instalacións da asociación, situadas na Rúa Campo do Forno nº1.

Para levar a cabo esta actividade, que ten por nome Pinta & Punto, Fonte da Virxe establecerase en distintos lugares do Barrio de San Pedro entre o 31 de xullo e o 4 de agosto. Calquera persoa que pasee pola rúa poderá achegarse e pintar uns círculos de cartón con témperas de cores, decorándoos así ao seu xeito. O último día do taller, todos os puntos serán xuntados para elaborar unha gran montaxe colectiva froito da participación conxunta entre todos os veciños do barrio.

As actividades manuais e artísticas son un recurso fundamental dos talleres rehabilitadores e ocupacionais da asociación Fonte da Virxe. Co proxecto Pinta & Punto, poténciase a faceta máis libre e creativa destas labores para animar a toda a comunidade a participar na construción dunha obra colectiva. A pedagoxía desta actividade permite ás persoas con problemas de saúde mental traballar na socialización, o respecto, a autoestima, a imaxinación e a interactuación cos demais.

A idea deste obradoiro provén do Equipo La Escuela (ELE) e trátase da adaptación dunha experiencia pedagóxica centrada nas artes plásticas que se desenvolve no Centro de Educación Especial de Argomilla (Cayón, Santander). Alí, toda a comunidade vinculada ao centro participa na creación de montaxes artísticas colectivas a partir de elementos tan básicos como as témperas de cores e uns pequenos círculos de cartón. 

Como modo de fomentar a integración da asociación Fonte da Virxe no barrio no que está emprazada, esta decidiu adoptar a idea orixinal de ELE para abrirse á colaboración coa veciñanza máis próxima. Non obstante, nesta experiencia tamén participarán outras persoas e entidades compostelás comprometidas coa atención á saúde mental como FEAFES Galicia, a asociación Itínera, o Centro Xuvenil Don Bosco e o Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Pinta & Punto arrincará o luns 31 de xullo nas instalacións de Fonte da Virxe (Rúa Campo do Forno nº1); o martes 1 de agosto estará na Rúa Belvís xunto ao Centro Xuvenil Don Bosco; o mércores 2 de agosto trasladarase á Praza de San Pedro e o xoves 3 de agosto ubicarase na Praza 8 de Marzo, en Porta do Camiño. En todos estes puntos, o horario da actividade será de 10:00 a 13:300 e de 17:00 a 20:00. 

Finalmente, o venres 4 de agosto, pecharase a actividade coa montaxe do gran mural colectivo no Parque de Bonaval de 10:00h a 21:00h. A iniciativa estenderase tamén ao barrio de Conxo, grazas a colaboración dos terapeutas ocupacionais, monitores e usuarios dos talleres do Hospital Psiquiátrico.


Compartir contido