10/01/2017.

Arte e diversidade no Museo Provincial de Lugo

Judith Scott, unha muller con síndrome de Down e xordomuda, fíxose célebre grazas ás súas telarañas de la nas que envolvía obxectos de todo tipo, ata conseguir unhas esculturas insólitas e colocarse na etiqueta do que se denominou como artistas fóra do sistema da cultura oficial.
 
Esta muller serviu de inspiración á Fundación Once para presentar no Museo Provincial de Lugo as obras de artistas con algún tipo de discapacidade (física, sensorial, intelectual e enfermidade mental) ou de creadores que se inspiran na discapacidade para propoñer os seus traballos. 

Ata 27 usuarios e monitores de FEAFES Lugo e do Hospital de Día de Lugo participaron este luns nun taller de creación de case tres horas de duración no que crearon dúas obras tomando como base a propia técnica que usou Judith Scott para as súas afamadas esculturas.

«Non se trataba de facer arte como terapia, senón de apostar pola creatividade como experiencia», explica Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo. Este taller enmárcase dentro da exposición “O mundo flúe: Dúas miradas sobre unha mesma realidade”, coa que a Fundación Once pretende divulgar a obra de artistas con discapacidade. 

Dende a inauguración da exposición, o 1 de decembro, xa se celebraron 16 talleres arredor desta mostra, que se clausurará o 17 de febreiro. «Os usuarios de FEAFES involucráronse desde o inicio do taller para participar na creación dunha obra colectiva usando ademais materiais de reciclaxe», sinala Lago. Son pequenos pasos para explorar a creatividade das persoas con discapacidade, como a de Scott, cuxa historia saíu do silencio grazas á película “Que tes debaixo do sombreiro”.

Vía La Voz de Galicia.


Compartir contido