17/11/2016.

Arte solidaria a favor de FEAFES Galicia

Este venres 18 de novembro, o Hotel Porta de Camiño, situado na zona de San Lázaro en Compostela, acolle a inauguración da exposición “Arte Solidaria” que terá lugar ás 20:30. Trátase dunha mostra colectiva de dezasete artistas socios de AGAEC, Asociación Galega de Arte e Cultura, que comprende 34 obras de pintura.
 
Cada ano, AGAEC organiza dúas mostras solidarias a favor de entidades que prestan apoio a persoas con discapacidade. Nesta ocasión, a asociación de artistas decidiu doar parte da recadación obtida a través da venda das obras desta mostra a FEAFES Galicia, a quen destinará o 20% do seu prezo.

A exposición estará aberta ao público no Hotel Porta do Camiño durante tres meses, tempo no que se irán renovando as obras a medida que vaian sendo vendidas. Na inauguración estará presente o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, que agradecerá á AGAEC o seu compromiso coas persoas con enfermidade mental.

As obras que se exporán na mostra pertencen aos artistas Ana F. Potel, Constantino Cuesta, Esther Molinero, Isabel Andrés, Lola Sanz, Marina Cocós, Martina Bugallo, Mary Carmen Calviño Iglesias, Mary Olivares Nietto, Pepa Mariño, Pepe Baena, Ramón González-Alegre, Sergio Ribeiro, Suly Pereira, Teresa Pérez Meijide e Verónica Herrán – Roni, a quen agradecemos a súa colaboración.


Compartir contido