29/01/2018.

As entidades de discapacidade expoñen as súas necesidades ante o PSdeG

O pasado venres 26 de xaneiro, o presidente de FEAFES Galicia, xunto a representantes do resto de entidades do CERMI Galicia, presentou ante o grupo parlamentario do PSdG as necesidades e demandas máis urxentes das persoas con problemas de saúde mental en Galicia.

O encontro tivo lugar no Parlamento de Galicia e nel, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou á Xunta a marcar unha axenda cunha prioridade social que atenda ás necesidades da cidadanía que ten algún tipo de discapacidade.

Na súa intervención, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, tivo a oportunidade de ofrecer unha visión xeral sobre a situación da saúde mental na nosa comunidade autónoma, facendo especial fincapé na enorme prevalencia que existe e nos poucos recursos que hai para facer fronte a esta situación.

Girón lembrou que existen máis de 55.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental en Galicia e que, deles, o 44% non utilizan ningún servizo sanitario. Ademais, cabe destacar que no 85% dos casos, a atención ás persoas con problemas de saúde mental recae sobre os seus familiares e achegados, especialmente sobre as nais.

Para exemplificar a escaseza de recursos de atención á saúde mental existentes, o presidente de FEAFES Galicia presentou unha comparativa da cobertura dos servizos de alta intensidade en discapacidades análogas. No caso da discapacidade intelectual, por exemplo, esta cobertura é do 43%, mentres que nos problemas de saúde mental tan só hai capacidade para atender o 2% dos casos.

En xeral, todos os participantes na xornada advertiron que, a pesar de haberen avances lexislativos, faltan partidas orzamentarias que permitan desenvolver o contido lexislativo aprobado.  Ante estas cuestións, Gonzalo Caballero destacou que na axenda de traballo do PSdeG para 2018 está a tarefa de marcar unha prioridade social en Galicia e de lembrarlle ao Goberno galego a necesidade de atender as inquedanzas e demandas dos colectivos con maiores necesidades sociais.


Compartir contido