06/10/2017.

As persoas con enfermidade mental tamén son xente desexable

Os Centros Quérote+, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, son un servizo creado para dar resposta a un serio compromiso co benestar da mocidade galega e coa motivación única de proporcionar un servizo de calidade aos mozos e mozas de Galicia.

Un dos ámbitos de actuación en materia de mocidade é a diversidade funcional. Quérote Máis parte dunha visión inclusiva que contempla as realidades e necesidades detectadas en materia de sexualidade, afectividade, imaxe corporal, autoestima e convivencia, dirixida á poboación diana e aos axentes educativos implicados no seu proceso de crecemento persoal , é dicir, as familias, os profesionais e a sensibilización cara á sociedade en xeral. 

A nivel social, seguen existindo dificultades para entender que as persoas con algún tipo de discapacidade son persoas que desexan, que aman, que senten, que son desexables, que forman parellas, con expectativas e con intereses. Quérote+ intenta facer entender esta necesidade e mudar os prexuízos que aínda están presentes que son discriminatorios e dificultan que os dereitos das persoas con diversidade funcional se garantan. 

O vindeiro día 10 de outubro, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental e Quérote+ quere facer visible o traballo que leva a cabo neste eido a través da campaña #SMXenteDeseXable. Para iso, do 9 ao 13 deste mes, calquera persoa que desexe participar pode facerse unha foto co hashtag da campaña (#SMXenteDeseXable) e subila ás redes sociais.
 
Por outra banda, Quérote+ organizará sesións ou actividades grupais en distintas localidades nas que participarán asociacións pertencentes a FEAFES Galicia onde se abordará o tema da sexualidade e a afectividade. 


Compartir contido