24/03/2020.

As persoas con trastorno mental poden saír á rúa durante o confinamento?

O pasado 14 de marzo, o Goberno de España publicou o Real Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Neste estado, segundo o artigo 7, limítase a liberdade de circulación das persoas polas vías de uso público, exceptuando, entre outros supostos, motivos por causa de forza maior ou situación de necesidade (apartado g).

Nalgunhas persoas con enfermidade mental, o confinamento no seu domicilio pode supoñer alteracións significativas do seu comportamento e potencialmente situacións de descompensación psicopatolóxica grave, que requiran de atención sanitaria urxente e eventualmente de tratamento hospitalario.

Estes casos consideraranse unha situación de necesidade de acordo co artigo 7 do decreto anteriormente citado, polo que poderán realizar saídas que se considerarán terapéuticas, sempre que conte cun informe dun facultativo no que se recolla explicitamente a necesidade para a persoa de levar a cabo estas saídas.

A Xunta de Galicia publicou, o pasado 20 de marzo, unha instrución para as persoas cunha situación de necesidade por padecemento dun trastorno mental relacionadas coa limitación de circulación polas vías de uso público.

Saídas terapéuticas excepcionais

No caso no que, excepcionalmente, se estime que a situación de confinamento pode supor un risco de desestabilización para a patoloxía da persoa, dita circunstancia se fará constar nun informe subscrito polo médico ou psicólogo clínico responsable da atención da persoa. 

Poderán beneficiarse desta medida excepcional as persoas con trastorno de espectro autista, trastorno mental severo e aquelas outras persoas cun trastorno de conduta secundario ao padecemento dun trastorno mental nas que quede claramente explicitada a necesidade da saída terapéutica e o beneficio esperado da aplicación de dita medida. Non poderán levar a cabo esta medida aquelas con indicación de autoillamento ou diagnóstico de infección por COVID- 19.

As persoas menores, dependentes ou con discapacidade nesta situación deberán ser acompañadas na saída terapéutica por un único acompañante, que poderá ser o seu titor/a legal, familiar ou coidador/a, e levará consigo o informe médico.

Pola súa banda, aquelas persoas susceptibles de acollerse a dita medida que conten no seu domicilio ou residencia cun espazo ao aire libre (xardín, patio ou similar) levarán a cabo a saída neste.

Como solicitar o informe médico?

Para a obtención deste informe, a persoa debe solicitar unha cita que se realizará de xeito telemático co seu facultativo médico ou psicólogo clínico de atención primaria ou hospitalaria. Dito informe será accesible a través de E-Saúde. No caso de que a persoa non dispoña de acceso a dita plataforma, excepcionalmente poderá remitírselle ao seu domicilio por correo certificado. 

No informe farase constar explicitamente as implicacións que a situación de confinamento xera na saúde mental da persoa e o beneficio esperado da adopción desta saída terapéutica excepcional.

Podes consultar a instrucción completa da Xunta de Galicia aquí.
Compartir contido