21/07/2017.

Avanzando cara a concreción da Axenda Social de Galicia

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu en San Caetano a primeira reunión de avaliación da Comisión de Seguimento da Axenda Social Única de Galicia. Nesta  xuntanza estiveron representadas a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as entidades sociais do terceiro sector, encabezadas pola Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia), da que FEAFES Galicia forma parte.

Ao remate da reunión, Rey Varela compareceu ante os medios de comunicación xunto a Alfredo García, presidente da Fegamp, e Antonio Hernández, presidente de EAPN Galicia. O Conselleiro agradeceu “a cooperación e o compromiso de todas as administracións, porque é fundamental para combater a exclusión social de moitos colectivos e, moi especialmente, dos máis vulnerables”. Para iso, indicou, é preciso actuar no que EAPN Galicia chama “as tres C”: causas que provocan a exclusión, compromiso de todos os sectores implicados, compromiso orzamentario e coordinación.

A implicación de concellos e entidades permitirá implantar as 27 medidas que comprende a Axenda Social de Galicia a través dos seus diferentes departamentos e que dan como froito que o 93% das accións se teñan levado a cabo neste primeiro ano de vixencia. Así mesmo e co fin de continuar avanzando na erradicación da pobreza e da exclusión social, anunciouse a creación de seis grupos de traballo co obxecto de incorporar novas liñas de actuación: 

  • Exclusión residencial, co obxecto de garantir o dereito de acceso a unha vivenda
  • Pobreza enerxética e económica con medidas de apoio á renda e recursos de garantía de subministro enerxético na vivenda
  • Dependencia e servizos de atención no fogar para o impulso a servizos de carácter social prestados no ámbito doméstico
  • Pobreza infantil e atención familiar para a implantación de medidas dirixidas a familias con menores ao seu cargo e en situación de vulnerabilidade
  • Emprego e promoción económica inclusivos a través de plans que, ligados ao desenvolvemento do decreto da lei de inclusión, teñan en conta aos perceptores da renda de integración social
  • Cooperación entre administracións públicas e entidades de iniciativa social para a inclusión de grupos de poboación vulnerables a través da posta en marcha de servizos sociais comunitarios de calidade e medidas de apoio e reforzo do Plan concertado e da normativa aplicable
Cabe destacar tamén a importancia do papel dos concellos na Axenda Social de Galicia por ser as institucións máis próximas á cidadanía e as que están en situación de avaliar en mellores condicións o grao e a diversidade da demanda de atención social, artellar a oferta e optimizar os recursos para mellorar a calidade da atención prestada no ámbito dos servizos sociais.


Compartir contido