25/09/2017.

Avelaíña cumpre 20 anos de historia

No 2017, a asociación de saúde mental Avelaíña cumpre 20 anos de andaina, e para conmemoralo colocará unha serie de mesas informativas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo durante a semana do 25 ao 29 de setembro. Ditas mesas atoparanse na planta -1, na zona de consultas, ao lado da cafetería, e poderanse visitar en horario de 9:00 a 14:00.
 
Ademais, cómpre sinalar que todas as persoas que se acheguen a informarse sobre o traballo da asociación, recibirán o agasallo dun fermoso broche con forma de avelaíña realizado artesanalmente polos usuarios da asociación nos obradoiros da mesma.

Esta actividade servirá de antesala para a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, que terá lugar o 10 de outubro. Ese día, a asociación Avelaíña organizará unha andaina no concello de A Guarda na que participarán arredor de 200 persoas, incluídos alumnos do colexio e do instituto de A Sangriña, usuarios e familiares da asociación.

Ao remate da andaina, que finalizará diante do concello, terá lugar un acto institucional coa colocación dunha lona no balcón do mesmo. A continuación haberá un tentempé, música, obradoiros, mesas informativas e un mural participativo da campaña “O que teño na mente”.

Avelaíña, 20 anos de percorrido 

Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu como asociación de familiares no ano 1997, co obxectivo de converterse nun sólido punto de apoio para as persoas con enfermidade mental e as súas familias. Desde a súa orixe, Avelaíña reivindicou a necesidade de mellorar a calidade de vida de persoas con enfermidade mental e familiares como paso fundamental para a súa inclusión na comunidade na súa condición de cidadáns de pleno dereito.

Neste senso, os programas que leva a cabo Avelaíña son innumerables, desde o Servizo de Rehabilitación Psicosocial, un piso protexido con catro residentes, os Programas de Respiro Familiar, actividades da vida diaria e os servizos de orientación á comunidade. As persoas con problemas de saúde mental participan de forma diaria en talleres  de prensa, informática, formación de adultos, actividades psicofísicas, entre outros. Tamén os seus familiares reciben atención dos profesionais  de Avelaíña a través das consultas, do servizo de orientación e a atención domiciliaria.


Compartir contido