29/01/2020.

Bautismo de escalada en Lugo

O pasado venres 24 de xaneiro, un grupo de 11 persoas usuarias e 3 familiares de Saúde Mental FEAFES Lugo participaron nunha divertida actividade de ocio grazas a RocoLugo. Este rocódromo abriu as súas portas para que o grupo gozase dunha nova experiencia a través dun bautismo de escalada, introducíndose así neste apaixonante mundo.

Guiados por dous monitores especialistas, os participantes puideron poñer a proba as súas destrezas en todas as instalacións do rocódromo, beneficiándose así de todos os beneficios físicos e psicosociais que aporta este deporte ás persoas que o practican. 

RocoLugo facilitou todo o material necesario para realizar esta actividade nunhas condicións óptimas de seguridade, ademais de explicar o correcto uso dos sistemas de seguridade e os protocolos necesarios para practicar a escalada. A continuación, tanto as persoas usuarias como os familiares, sempre acompañados polos monitores, puxeron en práctica os coñecementos adquiridos empregando as súas habilidades físicas e mentais. 

Deste xeito, coa práctica deste deporte traballáronse cuestións como a coordinación, a motricidade ou a lateralidade, e outras non menos importantes como a confianza en si mesmos, a superación de obstáculos ou a autoestima. Ademais de facilitar o achegamento das persoas usuarias a unha actividade deportiva descoñecida para eles como pode ser a escalada, este bautismo tamén lles permitiu coñecer novos recursos de ocio que ofrece a cidade.

Sen dúbida, a actividade resultou todo un éxito e tivo unha gran acollida entre as persoas usuarias, que xa manifestaron a súa vontade de repetir esta experiencia. Cómpre agradecer a amabilidade e bo trato recibido por parte de RocoLugo, a quen queremos agradecer a oportunidade brindada.


Compartir contido