10/05/2017.

Burela acolle a exposición “Transformacións”

O venres 12 de maio, a Casa da Cultura de Burela (Rúa Pardo Bazán, 6) acolle a inauguración da exposición “Transformacións”, unha mostra artística realizada polo pintor afeccionado Xolo. A mostra consta de 31 pezas de “técnica impresionista e contido figurativo”, segundo as define o propio autor. 

Xolo, de 50 anos, leva 11 facendo uso dos centros e recursos da asociación A Mariña. Na súa mocidade comezou a carreira de Belas Artes, a cal foi interrompida pola aparición dunha enfermidade mental. Non por iso deixou de lado a súa paixón, a cal hoxe en día non é só unha vía de expresión senón tamén unha terapia para facer fronte á enfermidade. 

A mostra conta con 31 pezas de estilo propio nas que o autor convida ao espectador a reflexionar. Xolo confesa que a pintura é un piar fundamental na súa vida, unha vía para expresar as súas inquedanzas e comunicarse cos demais a través das cores e as formas.

A inauguración desta mostra terá lugar ás 19h e está aberta ao público. Nela, o autor presentará a súa obra e explicará qué lle aportan a el a pintura e a arte. A continuación, os asistentes poderán percorrer a exposición e conversar de xeito informal co seu creador.

“Transformacións” estará na Casa da Cultura de Burela ata o 30 de maio, de luns a venres de 9h a 13h e de 17h a 20h, horario durante a cal poderá ser visitada por calquera persoa interesada.


Compartir contido