10/06/2016.

Capacitación para mulleres con enfermidade mental

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES Galicia, imparte durante as próximas semanas varios talleres dirixidos a mulleres con enfermidade mental. Cofinanciados polo Fondo Social Europeo e pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, estes cursos intégranse dentro do “Programa de atención integral a mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade” que desenvolve FEAFES Galicia.

As mulleres con trastorno mental grave sofren unha tripla discriminación: o estigma asociado ao padecemento dunha enfermidade mental, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación provocada nesta sociedade polo feito de ser muller. É por iso que FEAFES Galicia busca apoiar os procesos de integración social destas mulleres, mellorar o seu benestar físico e aumentar a súa autoestima a través da participación activa na comunidade.

Os talleres que se imparten estas semanas no marco do “Programa de atención integral a mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade” pretenden mellorar as capacidades e habilidades deste colectivo, dotando a estas mulleres das ferramentas necesarias para facer fronte ao seu día a día dunha maneira eficaz e contribuíndo así á mellora da súa calidade de vida. 

Os talleres serán impartidos por diversos profesionais de FEAFES Galicia e realizaranse en cinco cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Deles beneficiaranse un total de 66 mulleres con enfermidade mental e abordaranse temas como a autoestima e o autocuidado, a psicoeducación, a prevención dos malos tratos ou a afectividade e a sexualidade.  




Compartir contido