29/05/2017.

Cara á autonomía das mulleres: EscApp e autoestima

O Programa de Atención Integral a Mulleres cunha Discapacidade por Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas. 

A este propósito, FEAFES Galicia organiza distintas charlas e talleres onde as mulleres poden potenciar a súa autonomía, elevar a súa autoestima e aprender a valerse por si mesmas. O pasado mes de maio, a delegación lucense da entidade acolleu unha charla sobre a aplicación EscApp para mulleres vítimas de violencia de xénero e outra sobre autoestima e autocoidados. Os mesmos obradoiros serán desenvolvidos tamén nas demáis delegacións de FEAFES Galicia, ubicadas en A Coruña, Ourense, Vigo e Santiago.

EscApp é unha aplicación desenvolvida pola Secretaría Xeral de Igualdade que proporciona información de utilidade ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero e a todas as persoas que poidan axudar a terminar con este tipo de situacións. Ofrece pautas para identificar se alguén está a vivir potenciais situacións de malos tratos, proporciona consellos e indicacións sobre como actuar, tips para a seguridade da muller, preguntas frecuentes, xeoposicionamento con información sobre os recursos existentes en Galicia e un directorio dos mesmos. Igualmente, conta cunha opción para establecer chamada directa co 016 ou co teléfono 900400273 de información ás mulleres.

Por outra banda, no taller de autoestima e autocoidados, as mulleres participantes reflexionaron acerca da importancia que ten dedicar un tempo para mirarse a unha mesma para aprender a quererse máis e mellor. Igualmente, viron como o xénero inflúe na construción de roles, aprendendo así mesmo unha serie de claves para desenvolver unha boa autoestima.


      
Compartir contido