01/03/2016.

Charla sobre temas xurídicos en Lar

O pasado venres 26 de febreiro, os asesores xurídicos de FEAFES Galicia desprazáronse ata Vilagarcía de Arousa para impartir unha sesión formativa na asociación Lar. Unha trintena de usuarios, familiares e profesionais da devandita entidade déronse cita para aprender e conversar sobre diversos temas xurídicos relacionados coa saúde mental.

Por unha banda, presentouse o Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia para que os asistentes coñecesen as facilidades que poden obter a través del. A continuación abordáronse unha serie de temas como as incapacitacións ou o internamento, falando tamén da tutela, a curatela e as reclamacións que poden facer as persoas con enfermidade mental ou os seus familiares ante a Administración.

Os avogados de FEAFES Galicia explicaron, así mesmo, os distintos tipos de pensións dos que se poden beneficiar os usuarios das asociacións: por incapacidade permanente, por viuvez, por orfandade, a RISGA, a RAI, etc. A charla, enmarcada dentro do programa “Psicoeducación de Familias” da asociación Lar, recibiu unha gran acollida e espertou grande interese por parte de todos os asistentes.

A través de accións formativas como esta, o Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia pretende achegar ás asociacións federadas, así como a outros organismos ou entidades interesadas, aquelas cuestións legais relacionadas coa saúde mental que os usuarios e familiares deben ter en conta á hora de abordar determinadas situacións.


Compartir contido