13/03/2017.

Clausúrase a VI edición do Proxecto Practicum

A delegación viguesa de FEAFES Galicia clausura a VI edición do Proxecto Practicum de formación laboral para persoas con problemas de saúde mental. Para iso, realizarase un acto no que se falará das accións desenvolvidas e os resultados acadados a través de dito proxecto, do mesmo xeito que se presentarán experiencias persoais de participación neste programa. O acto terá lugar o 30 de marzo ás 17h na sede da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto nº3).

O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. 

As empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver cómo traballan estas persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental. Os resultados demostran que cando un empresario coñece de primeira man o traballo dunha persoa deste colectivo, a súa percepción sobre as enfermidades mentais cambia a mellor.

Da VI edición do Proxecto Practicum beneficiáronse un total de 18 usuarios que realizaron prácticas non laborais nas empresas Freshcut S.L., Doral Residencias Gestión Sociosanitaria S.L., Rogelio Iglesias e Hijos S.A., Lacera Servicios y Mantenimiento S.A. e Serviglobal Trans 2015 S.L. Deles, 4 usuarios lograron insertarse no mundo laboral, acadando así un 22% de insercións.

Saúde mental e inserción laboral

Segundo o censo da Consellería de Política Social, en Galicia hai preto de 30.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental. De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral. 

Por ese motivo, traballar por unha boa inserción laboral deste colectivo e unha formación axeitada é un tarefa fundamental que pretende impulsar FEAFES Galicia a través de proxectos coma este. Ó longo do 2016, en Vigo recibiron orientación laboral un total de 842 persoas, das cales 72 lograron acceder a 88 contratos de traballo.  


Compartir contido