09/03/2016.

Clausura do Punto Formativo Incorpora 2015

O pasado luns 7 de marzo, tivo lugar o acto de clausura e entrega de diplomas do Punto Formativo Incorpora A Coruña 2015, que constou dun curso de Operario de Almacén e outro de Experto en Limpeza. Esta acción formativa, enmarcada dentro do Programa Incorpora de Obra Social “la Caixa” ten como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral. 

O evento, ao que acudiron arredor de 25 persoas, tivo lugar na sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano da Coruña. Entre os asistentes atopábanse os alumnos de ambos os cursos, así como diversas entidades sociais pertencentes ao Programa Incorpora como a Fundación Érguete Integración, COGAMI ou a Fundación Juan Soñador. Ademais, estiveron presentes algunhas empresas que colaboran na promoción da inserción laboral destes colectivos, como Eulen e Forsega. 

O acto comezou cunha breve introdución na que se explicou en que consiste o Punto Formativo Incorpora, indicando a metodoloxía empregada nos cursos e amosando os seus resultados a nivel local e nacional.

A continuación, unha das participantes do curso de Experto en Limpeza, Patricia Sánchez, e a Coordinadora Técnica e Consultora Zona Noroeste de EULEN, María Sánchez-Harguindey, interviñeron nunha mesa de diálogo onde conversaron sobre a experiencia vivida dende o punto de vista dunha participante e dunha empresaria.  

Finalmente, o acto terminou cunha entrega de diplomas aos participantes nos dous cursos, do mesmo xeito que houbo un espazo para os agradecementos a todos aqueles colaboradores que fan posible a inserción laboral de colectivos con dificultade de acceso ao traballo.


Compartir contido