02/05/2017.

Clausura dos cursos do Programa de Habilidades Prelaborais


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu ao acto de recoñecemento das 265 persoas con discapacidade que desenvolveron durante 2016 e 2017 os proxectos de formación e asesoramento prelaboral ao abeiro das axudas que a Xunta de Galicia concedeu a nove entidades de iniciativa social para este fin.

Ademais doutras entidades sociais como Down Galicia, Fademga, Cogami, Autismo Galicia, FAXPG, Acopros, Limisi e Cruz Roja Española, FEAFES Galicia recibiu parte do investimento da Xunta de Galicia para impulsar un Proxecto de Habilidades Prelaborais orientado a impulsar a inclusión sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental.

Os participantes nestes proxectos recibiron o seu diploma acreditativo da man do Conselleiro de Política Social quen, durante o transcurso do acto, destacou que o obxectivo da Xunta de Galicia é “que as persoas que máis o precisan, melloren a súa calidade de vida a través da mellora das súas habilidades e da incorporación ao mundo laboral”. Así mesmo, Rey Varela engadiu que “esta meta será froito do traballo en común co resto de administracións así como coas entidades sociais de Galicia, porque elas son as que mellor coñecen a realidade das persoas con discapacidade”.

O titular autonómico agradeceu tamén o esforzo, tenacidade e traballo dos participantes nos proxectos. “Sodes todo un exemplo de superación, amosades cada día que sodes unha parte fundamental da sociedade cos mesmos dereitos, deberes e oportunidades e que as barreiras só existen nas mentes”.

Estratexia galega sobre discapacidade

A orde mediante a cal se subvencionaron estes proxectos, enmárcase na Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020. Particularmente, esta actuación inclúese na liña estratéxica de formación e emprego, e incorpora de maneira transversal a perspectiva de xénero. A Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, dirixe os seus esforzos cara os aspectos considerados clave para avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social. 

Este documento é o resultado dun proceso en que participaron as principais entidades sociais e profesionais neste eido e constitúe a folla de ruta que está a aplicar a Xunta nos vindeiros anos para promover que as persoas con discapacidade poidan gozar dunha vida autónoma e independente.

Vía Xunta de Galicia.


Compartir contido