23/02/2016.

Clausúrase o Proxecto Practicum V con 5 insercións laborais

A delegación viguesa de FEAFES Galicia realiza, o vindeiro venres 26 de febreiro, a clausura da V edición do Proxecto Practicum de formación laboral para persoas deste colectivo.

Ao acto, que terá lugar ás 17:00 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto nº3), acudirán Dona Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra; Dona Digna Rivas, Deputada Provincial de Xuventude; e Don Leopoldo Robla, membro da Xunta Directiva de FEAFES Galicia. Ao evento tamén asistirá persoal técnico de FEAFES Galicia, empresarios, usuarios e representantes das asociacións de saúde mental da provincia de Pontevedra.

Durante o acto, realizarase unha mesa redonda na que se falarán das accións desenvolvidas e os resultados acadados a través do Proxecto Practicum, do mesmo xeito que se presentarán experiencias persoais de participación neste programa. 

Neste senso, contaremos cos testemuños de usuarios que realizaron prácticas en empresas ou que lograron insertarse no mundo laboral a través do Proxecto Practicum, falarán tamén dous empresarios colaboradores no programa, e finalmente intervirá a técnico do Servizo de Intermediación Laboral de FEAFES en Vigo para presentar os resultados obtidos.

Proxecto Practicum

O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. 

As empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver cómo traballan estas persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental. Os resultados demostran que cando un empresario coñece de primeira man o traballo dunha persoa deste colectivo, a súa percepción sobre as enfermidades mentais cambia a mellor.

Da V edición do Proxecto Practicum beneficiáronse un total de 15 usuarios que realizaron prácticas non laborais nas empresas Residencial Galeón, Navuxil, IMASPE, Orballo Xardíns, Colexio Los Milagros, Freshcut e Marta Cima. Deles, 5 usuarios lograron insertarse no mundo laboral, acadando así un 33,33% de insercións fronte ao 15% que era el obxectivo inicial do programa.



Compartir contido