31/03/2020.

Coida a túa saúde mental durante o illamento

A situación de illamento ante o coronavirus contén factores de risco que poden provocar unha alteración ou empeoramento da saúde mental, tanto na poboación xeral como naquelas persoas que xa tiñan un problema de saúde mental. Por iso é preciso que todos, menores e adultos, coidemos a nosa saúde mental e sigamos as recomendacións dos profesionais para facer fronte a esta situación. É normal atoparse con distintos estados emocionais ao longo do día, pero o máis importante é poder controlalos e reconducilos cara un estado de equilibrio.

A primeira recomendación que debemos ter en conta é manter a calma, e para iso é preciso:


  • Coidar a nosa saúde física quedando na casa e saíndo só para desprazamentos obrigados.
  • Seguir as indicacións das autoridades sanitarias para non propagar o virus, así como as pautas e recursos de atención que axuden a afrontar esta situación de confinamento.
  • Realizar actividade física na casa, a cal permite a liberación de endorfinas e, polo tanto, mellora o noso estado de ánimo.
  • Coidar a nosa saúde mental informándonos adecuadamente sobre o COVID-19 e dosificando a información recibida, para o cal debemos seleccionar unha vía de información fiable e obxectiva.
  • Establecer horarios co obxectivo de seguir rutinas durante o período de confinamento: comidas, hixiene, estudo, ocio, deporte, etc.
  • Incluír na planificación diaria a realización de tarefas que tiñas pendentes ou que che gustaría desenvolver.
  • Controlar os pensamentos e as emocións, focalizando a atención en pensamentos positivos que nos transmitan emocións positivas. Podemos realizar tarefas que nos gusten ou nos distraian, así como retomar intereses, hobbies ou actividades que tiñamos pendentes, ou ben plantexarnos novos retos.
  • Manter o contacto adecuado coas persoas coas que convivimos, respectando espazos e momentos de intimidade para instalar emocións positivas.
  • Manter o contacto telemático coas persoas queridas, amizades, familiares, veciñanza, etc.
  • Buscar apoios profesionais para reducir os sentimentos negativos que produce a situación de crise.
  • Buscar información e orientación ante posibles síntomas para actuar rápido e de forma eficaz.

Aquí podes consultar un pequeno folleto elaborado por Saúde Mental FEAFES Galicia coas principais pautas a seguir para coidar a saúde mental durante o confinamento.

“Todos somos máis vulnerables ante situacións de crise;
ter as ferramentas adecuadas axúdanos a afrontalas”



Compartir contido