21/05/2018.

“Coidando a nosa saúde mental”

O pasado 19 de maio, unha técnico de atención integral de FEAFES Galicia, Vanesa Fernández, achegou a saúde mental ás VI Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural de Carballo (Friol).

Fíxoo a través da conferencia “Coidando a nosa saúde mental” e o coloquio “Promoción da saúde mental”, no cal participaron un grupo de veciños da localidade. Na charla inicial presentáronse os servizos de FEAFES Galicia e tratouse o concepto de saúde mental, do mesmo xeito que se sinalaron as características xerais dos principais trastornos mentais e se facilitaron datos da súa incidencia.

Tras a conferencia, tivo lugar un pequeno coloquio sobre a promoción da saúde mental, o cal foi moi activo e participativo por parte dos asistentes. O acto tivo lugar no Centro Sociocultural do Carballo (Friol) e estivo organizado pola asociación cultural Carballo Vivo.

As VI Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural pretenden contribuír a promover o interese pola cultura e tradicións dos diferentes lugares que forman o Concello de Friol, ademais de supor unha oportunidade para analizar a situación do rural e coñecer experiencias e estratexias que permitan contribuír ao impulso de iniciativas de desenvolvemento cultural, social e económico na contorna. 


Compartir contido