10/07/2018.

Comezamos un ano máis co programa de habilidades prelaborais

Saúde Mental FEAFES Galicia ven de poner en marcha un ano máis o “Programa de Habilidades Prelaborais para a Inclusión Sociolaboral Plena de Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental”. Este proxecto trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental en Galicia, atendendo ás necesidades concretas de formación prelaboral e de habilidades da vida cotiá que faciliten a súa futura inserción sociolaboral.

Para iso, porase en marcha un sistema de intervención baseado na información, asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental, que sexan demandantes de emprego e estean en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. Participarán un total de 30 persoas das delegacións de Vigo, Santiago e A Coruña, con quen se traballará a través de itinerarios personalizados.

Neste marco, realizaranse unha serie de talleres que terán lugar durante os meses de outubro e novembro nos que os usuarios aprenderán habilidades sociolaborais, habilidades da vida diaria, igualdade e inclusión social. A partir de aí, os profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia ofrecerán atención individualizada presencial e non presencial aos participantes do proxecto coa fin de orientalos, asesoralos e apoialos no seu proceso de inserción sociolaboral. Durante os meses de xaneiro e febreiro, a formación dos participantes completarase con obradoiros de psicoeducación e novas tecnoloxías aplicadas á busca activa de emprego.

O Proxecto de Habilidades Prelaborais responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.


Compartir contido