08/02/2019.

Comezan as accións grupais do EM-PRÉGATE V

Durante os meses de xaneiro e febreiro, as cinco delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia presentaron ante os seus participantes o Programa Integrado para o Emprego EM-PRÉGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Este programa estase a desenvolver en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Nas primeiras accións grupais, dirixidas ás 100 persoas usuarias que participan no programa nas cinco cidades, explicouse a finalidade do mesmo: mellorar a ocupabilidade e favorecer a inserción laboral das persoas en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral.

A continuación, informouse sobre as actividades, a formación, a metodoloxía, os obxectivos e as especificidades do programa, coa fin de que os seus participantes coñezan en profundidade as accións que se van desenvolver nos vindeiros meses. 

Estas accións comprenden obradoiros grupais de motivación e técnicas de procura de emprego, habilidades sociais e laborais, competencias transversais, motivación, entrevistas de traballo e recursos web para a busca activa de emprego. Posteriormente realizaranse prácticas profesionais non laborais en empresas, durante as cales os participantes recibirán apoio e seguimento individualizado no seu posto de traballo.

Finalmente, nas sesións de presentación das distintas delegacións houbo un espazo para a posta en común dos intereses e expectativas dos participantes, así como para a resolución de dúbidas. Deste xeito, comezou a configurarse un espazo de cohesión grupal entre as persoas participantes no programa.


Compartir contido