29/07/2016.

Como son e que necesitan os coidadores familiares en saúde mental

Aínda que está amplamente recoñecido que os coidadores familiares desempeñan un papel clave no coidado das persoas con trastorno mental grave, as investigacións científicas son escasas, non son recentes e con frecuencia baséanse en mostras dun único país.

É por este motivo que EUFAMI, a Federación Europea de Asociacións de Familiares de Persoas con Enfermidade Mental, e LUCAS, o Centre for Care Research and Consultancy da Universidade belga de Lovaina, levaron a cabo o estudo “Coidando de quen coida (C4C)”, unha enquisa para avaliar as experiencias das persoas coidadoras á hora de atender a un familiar con problemas de saúde mental, dende unha perspectiva internacional.

Esta enquisa, a primeira deste tipo, levouse a cabo en 22 países en 2014. O obxectivo xeral deste estudo buscaba analizar as experiencias dos coidadores familiares e poñer de relevo o papel central que desempeñan, baseándose nas súas experiencias sobre o labor de quen coida, incluídos o seu benestar, carga e estigma percibido, ademais do seu grao de satisfacción co apoio profesional que reciben e detectar as necesidades de apoio adicional que teñen as persoas coidadoras.

Conclusións e datos principais

Unha das conclusións principais tras tratar os datos é que a maior necesidade dos coidadores familiares é que se lles recoñeza que son aliados de pleno dereito nos coidados e que deben ser escoitados e tomados en serio polos profesionais. Aproximadamente 9 de cada 10 coidadores familiares queren máis oportunidades para reunirse e compartir coñecementos e experiencias con coidadores profesionais (93%), ademais de con outros familiares e coidadores informais (90%).

Como revela “Coidando de quen coida (C4C)”, en España o coidador habitual dunha persoa cun problema de saúde mental grave é unha muller de 64 anos de idade que coida dun fillo durante unha media de 21 anos. Con todo, a nivel europeo trátase dunha muller de 60 anos, que coida do seu fillo durante 15 anos.

Outra das diferenzas fundamentais co resto de Europa é o estigma percibido dos coidadores familiares polo feito de recorrer a axuda profesional, por encima da media internacional. Pola contra, o noso país está á cabeza se se pregunta acerca das experiencias persoais positivas que lle achega o labor do coidador, cuxos enquisados ademais consideran que mellora a relación entre coidado e coidador.

As persoas enquisadas españolas están moi insatisfeitas ou preocupadas pola posibilidade de que a persoa da que coidan dependa demasiado delas no futuro, pola súa situación económica e por non poder planificar o futuro. Ademais, o 93% dos familiares manifestaron a necesidade de apoio adicional para desempeñar o seu papel de coidador, a metade dos cales pediu uns niveis significativos de apoio.

Recomendacións do estudo

O estudo inclúe ademais unha serie de recomendacións orientadas a concienciar e sensibilizar sobre a realidade dos coidadores familiares e do impacto que este labor produce nas súas vidas.

Entre outros temas, recoméndase “concienciar aos profesionais sanitarios para que presten atención aos coidadores e coidadoras familiares”, a parte da atención proporcionada ás persoas con problemas de saúde mental e atendendo ás súas necesidades individuais.

Tamén estimular aos responsables de formular políticas para que “incorporen as accións e as intervencións do coidador familiar nos plans nacionais de atención da saúde mental” ademais de “fomentar e apoiar a investigación” e implantar “oportunidades de descanso, xa sexa reforzando as familias para compartir as responsabilidades dos coidados ou financiando axuda temporal profesional”.

Máis información

Para descargar todos os documentos do estudo “Coidando de quen Coida C4C”, pica aquí



Compartir contido