04/06/2020.

Complemento para persoas con fillos que cobran unha prestación contributiva

O 1 de xaneiro de 2016 aprobouse, no artigo 60 da Lei Xeral da Seguridade Social, un complemento por maternidade para mulleres que cobran unha prestación contributiva por xubilación, viuvez ou incapacidade permanente (non xubilación anticipada). Este complemento consiste nun incremento da prestación nun 5%, 10% ou 15% no caso de ter dous, tres ou máis de tres fillos/as naturais ou adoptados/as, respectivamente.

A norma regula o complemento exclusivamente para mulleres, pero o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pronunciou en sentenza do 12/12/2019 que a norma é discriminatoria, recoñecendo o mesmo dereito para varóns que reúnan as mesmas condicións. Deste xeito, é posible a súa reclamación aos varóns que accederan á pensión contributiva dende o día 01/01/2016.

Á reclamación haberá que anexar unha copia da presentación da prestación e unha copia do libro de familia. No caso de que o Instituto Nacional da Seguridade Social a desestime, haberá que facer unha reclamación previa e, posteriormente, unha demanda perante a xurisdición social.

En resumo...

Se es varón, tes dous ou máis fillos/as e cobras unha pensión de xubilación, viuvez ou incapacidade, poderías solicitar un incremento do 5%, 10% ou 15% da túa pensión con dereito a pago de atrasos, en virtude dunha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Se consideras que este é o teu caso, contacta co teu profesional de referencia de Saúde Mental FEAFES Galicia e el ou ela porache en contacto co Servizo de Asesoría Xurídica.


Compartir contido