13/03/2020.

Comunicado de Saúde Mental FEAFES Galicia en relación ás medidas polo COV-19

En nome de Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos facer os seguintes comentarios en relación á situación actual dos nosos recursos e o noso colectivo respecto ao COV-19. A parte de facer un chamamento á tranquilidade, queremos explicar o enfoque utilizado para aclarar as medidas e decisións a tomar. Consideramos que temos que analizar a situación desde tres enfoques principais, en orde de prioridade:

1. A alerta sanitaria, cumprindo as indicacións das autoridades, co obxectivo de minimizar o impacto da crise (neste sentido, xa fomos enviando información en canto fomos dispoñendo dela).

2. A consideración de boa parte das persoas que atendemos como persoas cun risco especial pola súa dobre situación (saúde mental e física); intentando minimizar, por un lado, a probabilidade de posibles contaxios, pero poñer tamén na balanza a altísima vulnerabilidade do noso colectivo ante situacións de crise, pánico, medo e alarma social; vulnerabilidade esta última na que podemos serlles de moita axuda nesta situación.

3. O mantemento, na medida do posible, dos nosos servizos, pero intentando tamén ofrecer as solucións máis axeitadas ás circunstancias persoais dos nosos traballadores e traballadoras que poidan necesitar medidas de conciliación por atención aos fillos e fillas ou se atopen en situacións especiais.

Tendo en conta este triplo enfoque, optamos por tomar as seguintes medidas, sempre cun marco superior de cumprir escrupulosamente as indicacións das autoridades:

1. Ofrecer o noso apoio ás persoas que o necesiten, especialmente vía telefónica e, se fose necesario, domiciliaria e presencial; así como permanecer atentos a posibles situacións de crise que se puidesen producir.

2. Co marco do mantemento dos nosos servizos, facilitar na medida do posible as medidas de conciliación aos nosos traballadores e traballadoras e tamén ofrecer solucións a situacións especiais e específicas que se poidan producir.

3. Poñernos a disposición das autoridades naquilo no que poidamos ser de utilidade.

Asdo.: Xosé Ramón Girón García, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia


Compartir contido