20/04/2018.

Condado-Paradanta: un proxecto pioneiro de atención á saúde mental no rural



A asociación Avelaíña constituíuse no ano 1997 en A Guarda coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares na provincia de Pontevedra. Ao longo destes 20 anos, a entidade prestou servizos nas comarcas de Baixo Miño e Val Miñor, traballando nas áreas socioeducativa, terapéutica, ocupacional e prelaboral no ámbito da saúde mental. 

O ano pasado, en resposta á petición de traballadoras sociais das comarcas de Condado e  Paradanta, Avelaíña deseñou o proxecto Achego para levar a atención sociosanitaria ás persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares en ditas comarcas. Co apoio de FEAFES Galicia e fondos da Consellería de Política Social, este programa púxose en marcha mediante a contratación dun equipo específico de intervención que, coa axuda do equipo asistencial da entidade, atendeu a 60 persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares en tan só 4 meses

A situación coa que se atopou o equipo técnico do proxecto Achego foi máis grave do esperado dada a falta de atención especializada na zona. Os recursos específicos en saúde mental son escasos e existen numerosos obstáculos que limitan o acceso a eles: a distancia, a escasa combinación de transporte público, os custos económicos que implica o desprazamento, etc.

Un dato destacable é que das persoas atendidas no proxecto Achego, o 14% non estaban valoradas previamente, polo que carecían de diagnóstico e dun tratamento axeitado. Isto provocaba importantes problemas familiares derivados de situacións nas que os síntomas da patoloxía mental toman un papel relevante. As condicións propias da zona (rural, coa poboación envellecida, problemas de transporte, etc.) agravan a situación.

Cando finalizou o proxecto, o equipo de intervención manexaba unha lista de espera de 39 persoas con problemas de saúde mental ás que non foi posible atender, o cal, unido á valoración moi positiva que fixeron as persoas beneficiarias do programa, fixo que Avelaíña considerase necesario continuar con esta actuación.

Por esta razón, a asociación expuxo aos concellos de Condado e Paradanta unha fórmula de intervención urxente que pivotaría sobre tres liñas básicas de actuación: unha Unidade de Apoio Comunitario en Saúde Mental con sede en Ponteareas, un Servizo de Atención Domiciliaria, e accións de coordinación cos servizos sociosanitarios e comunitarios das dúas comarcas. 

O obxectivo deste proxecto é mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, os seus familiares e achegados nas comarcas de Condado e Paradanta, potenciando a atención psicosocial na súa contorna sociofamiliar e comunitaria máis próxima. Esta proposta abre unha alternativa real á atención á saúde mental en contornas de poboación dispersa como é o caso do rural, desenvolvida a partir da propia experiencia sen atender a modelos preestablecidos.

A principios do mes de abril, representantes de Avelaíña reuníronse cos alcaldes de Condado- Paradanta para trasladarlles a necesidade de que os concellos acheguen financiamento para garantir os seus servizos, xa que a asociación non pode estar cada ano coa incerteza de saber se a Consellería de Política Social daralles unha subvención ou non para continuar o seu labor. Deste xeito, os alcaldes comprometéronse a reunir 20.000 euros para evitar o cesamento dos servizos que presta Avelaíña, comprometéndose a achegar financiamento para apoiar economicamente a atención dos veciños con problemas de saúde mental.

Así, este proxecto constitúese como unha experiencia de sinerxía entre o movemento asociativo -motor do programa-, profesionais da saúde mental, profesionais do traballo social, a Consellería de Política Social, a Consellería de Sanidade e os concellos. Esta sinerxía é, precisamente, o camiño a seguir cara á atención integral do colectivo, sendo a primeira vez que isto se consegue en Galicia e considerándoo un modelo aplicable noutras zonas do territorio.
Compartir contido