29/08/2017.

Coñecemos ás empresas por dentro

Durante os últimos meses, os participantes do Programa de Emprego para Persoas con Discapacidade a Causa de Enfermidade Mental, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, tiveron a oportunidade de coñecer mellor o funcionamento interno das empresas a través dunha serie de visitas a varias compañías que traballan en Galicia.

O 14 de xullo foi a quenda dos integrantes de Santiago, que se achegaron ata a empresa Arroupa que se dedica a recoller, reciclar e suministrar roupa. Visitaron a nave onde os traballadores reciben, clasifican e distribúen a mercancía, puidendo coñecer así as distintas dinámicas de traballo. Á súa vez, os participantes do Programa de Emprego aprenderon diversas cuestións sobre a xestión da empresa e os procesos de selección de persoal. Para completar a visita, trasladáronse ata unha tenda que ten Arroupa na cidade de Compostela para ver como se organiza e xestiona o traballo no punto de venda. 

O 9 de agosto, pola súa banda, os participantes do Programa de Emprego de Vigo tiveron a oportunidade de coñecer dende dentro a empresa Decathlon, situada no Parque Comercial Meixueiro. Durante o encontro, Gerard Cabré, director da tenda, e outros tres compañeiros explicaron o proceso de selección de persoal, os valores que buscan nos traballadores, en que consisten os distintos postos de traballo, que funcións se desempeñan neles, etc.

O luns 28 de agosto foi a empresa FreshCut, situada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, a que acolleu a sete visitantes durante un percorrido de hora e media. Alí puideron coñecer as entrañas da empresa, dende o gran almacén con diferentes cámaras frigoríficas para a conservación dos alimentos ata o obradoiro onde se preparan os produtos, pasando polo proceso de entrada e saída da mercancía e os diferentes postos de traballo. Ademais, tamén aprenderon pequenos trucos para a conservación de froita, verduras e hortalizas.

Programa de Emprego

O Programa de Emprego para Persoas con Discapacidade a Causa de Enfermidade Mental busca aumentar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental en situación de desemprego. Este proxecto, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrece aos participantes unha serie recursos e ferramentas que melloran a súa empregabilidade, as activan laboralmente e lles proporcionan competencias transversais que incrementan as súas posibilidades de inserción laboral. 

A través destas visitas ás empresas, os usuarios de FEAFES Galicia poden coñecer o funcionamento interno dunha compañía, os distintos procesos que se levan a cabo nela, a xestión dos recursos humanos e os procesos de selección de persoal.





Compartir contido