10/09/2020.

Conmemoramos o Día Mundial da prevención do Suicidio

O Día Mundial da Prevención do Suicidio, que se conmemora o 10 de setembro, é unha data propicia para facer un chamamento a aumentar a concienciación social e evidenciar a necesidade de mellorar a prevención e o control dos suicidios, pois trátase dun grave problema de saúde pública debido ao gran número de persoas afectadas. 

Os datos revelan que no mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa de mortalidade non natural. Galicia, lamentablemente, está no máis alto da clasificación de suicidios a nivel estatal, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa de incidencia, superada tan só por Asturias. Estamos a falar de ao redor de 300 mortes por suicidio ao ano, converténdose este nun problema sanitario e social de significativa relevancia na nosa comunidade.

Con todo, previr os suicidios é posible. Para iso, é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen ao redor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco poidan buscar axuda. A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van desde a educación na infancia e na mocidade ata o tratamento eficaz dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información.

Por iso, chamamos aos medios de comunicación a tratar dunha maneira responsable a información sobre o suicidio para concienciar á poboación, promover a súa prevención e axudar a reducir a súa incidencia. Chamamos a todos os cidadáns e cidadás a visibilizar esta realidade, tratala con respecto e poñerse en mans de profesionais cando sexa necesario. Chamamos ás administracións públicas a comprometerse coa problemática do suicidio e a colocala no lugar que lle corresponde dentro das axendas políticas e sanitarias.

Se queres saber máis, visita conectacoavidagalicia.org, unha web que achega información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe: datos, mitos e falsas crenzas, o papel dos medios de comunicación, factores de risco e de protección, sinais de alerta, lugares aos que acudir, recursos de utilidade, etc. 

061, o teléfono para a atención ao suicidio en Galicia

En Galicia, o Servizo Galego de Saúde habilitou o 061 como teléfono de referencia para emerxencias relacionadas co suicidio, pois conta con profesionais formados que dispoñen de todas as ferramentas necesarias para proporcionar axuda ás persoas con condutas ou ideacións suicidas e ás súas familias.

Trátase dunha medida para mellorar a atención e a prevención da conduta suicida recollida no Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, co que se pretende reducir a taxa de suicidio e diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas persoas achegadas.

Deste xeito, o SERGAS quere transmitir á cidadanía que, ante casos de risco de suicidio, poden contar con axuda e apoio médico especializado en calquera momento, contactando en casos de emerxencia co 061.


Compartir contido