08/02/2018.

DOA colabora coa Xunta na atención ao alumnado en risco de trastorno mental grave

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o presidente da Asociación DOA Saúde Mental, Leopoldo Robla, asinaron un convenio de colaboración para a atención do alumnado en risco de trastorno mental grave. O acordo enmárcase dentro das medidas de atención á diversidade da Consellería incluídas no Plan Xeral de Atención á Diversidade, sendo DOA a única entidade de saúde mental en Galicia que subscribiu un convenio deste tipo.

Ao abeiro deste acordo, os profesionais da asociación poderán prestar asesoramento na atención educativa ao alumnado en risco de trastorno mental grave escolarizado nos centros educativos dependentes da Consellería, así como ao seu profesorado e familias. 

Este asesoramento poderá contemplar tanto actuacións de carácter preventivo como de orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa, sobre a avaliación destes estudantes e sobre as adaptacións curriculares que se estimen necesarias.

A solicitude de colaboración do persoal de DOA deberá realizarse por parte do centro docente, e o profesorado titor (ou, se é o caso, o designado pola dirección do centro) será o responsable de coordinar as actuacións concretas.

Asemade, ambas as partes colaborarán en accións relativas á formación do profesorado e na sensibilización e difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado en risco de trastorno mental grave.


Compartir contido