05/12/2016.

Día Internacional do Voluntariado

O 5 de decembro conmemórase o Día internacional do Voluntariado, e dende FEAFES Galicia queremos destacar o labor daquelas persoas que dedican parte do seu tempo libre a realizar actividades con persoas con problemas de saúde mental.

Santiago Rodríguez e Aaron Carrascal comparten paixón e coñecementos sobre fútbol sala, e no último ano colaboraron como adestradores do equipo futsal de FEAFES Vigo. Todas as semanas traballan aspectos tácticos e técnicos deste deporte cos usuarios da delegación viguesa, e unha vez ao mes acompañan aos xogadores aos partidos da liga de FEAFES Galicia.

“Para min foi unha realidade nova; moitas veces vivimos de costas a moitas situacións que temos preto que non queremos ou non nos atrevemos a descubrir”, cóntanos Santiago. “Ao principio dábame algo de medo porque non sabía que tipo de persoas me atoparía e se estaría capacitado para poder axudarlles, pero grazas a FEAFES Galicia e ao trato dos xogadores resultou moi sinxelo”. Santiago asegura ademais que lle gusta ensinar e que “sempre é gratificante achegar unha pequena axuda para que outras persoas aprendan e disfruten”. 
 
Actualmente, Santiago e Aaron forman parte da Academia de Porteros, unha asociación impulsada xunto a outros dous compañeiros que xa mostrou o seu compromiso con FEAFES Galicia grazas á implicación destes dous membros. No equipo de FEAFES Vigo contan co apoio, tamén voluntario, de Ismael Solino, que recoñece que o máis gratificante de adestrar a este equipo é “o progreso na recuperación dos xogadores a través do exercicio e a súa integración social”.

  

Do mesmo xeito que eles, pero a 200 km de distancia, Iván Pico nunca falta á súa cita semanal co equipo de FEAFES Lugo. “Utilizamos un deporte colectivo, como é o fútbol sala, para potenciar os valores do deporte e que despois os mozos poidan transferilos ás súas vidas diarias” cóntanos o adestrador do equipo lucense. “O fútbol sala ocupou a miña vida profesional, e que iso poida servir para axudar á xente é suficiente recompensa”, engade.

Pero non todo o voluntariado de FEAFES Galicia desenvólvese no ámbito do deporte. Jesús Cudeiro entrou en contacto coa entidade ao realizar as prácticas da carreira de psicoloxía en FEAFES Santiago, e dende entón participa como voluntario en cursos formativos, campañas de sensibilización e xornadas de respiro familiar. 

Desta experiencia quédase ‘coas vidas das persoas’: “Cando pasas un tempo con eles, acaban contándoche como chegaron á situación na que están. Son historias incribles porque a pesar de que son difíciles, eles seguen aí, loitando polos seus dereitos e, por suposto, con ganas de vivir. Para min son un exemplo de resiliencia” conta Jesús. Este voluntario de Santiago recoñece ademais que “por moito que queiras manterte afastado dos prexuízos, estes acaban atrapándote dunha maneira ou outra, e a única forma de desfacerse deles é coñecendo a realidade”. 

  

Os voluntarios de Lugo e Vigo coinciden en que o trato e o agarimo que reciben dos usuarios é unha das maiores gratificacións do seu labor en FEAFES Galicia. “O sentimento de gratitude é recíproco, eu tamén aprendo día a día grazas a eles. Todos achegan un graíño de vida para o desenvolvemento persoal dos demais” di Iván. Santiago, pola súa banda, ten claro cal é o momento máis reconfortante: “Creo que o mellor de todo é cando imos xogar contra outras asociacións e ao final todo o mundo saúdase cariñosamente, independente do resultado”.

Dende FEAFES Galicia non temos máis que palabras de agradecemento para todas as persoas que dedican parte do seu tempo libre a facer que a vida das persoas con problemas de saúde mental sexa un pouquiño mellor: GRAZAS!

  
Compartir contido