18/04/2017.

Doa, galardoada co Premio Primeiro de Maio

A unión comarcal de Comisións Obreiras (CC OO) en Vigo entregará o próximo 28 de abril na sede viguesa de Afundación os seus premios "Primeiro de Maio ao compromiso social e á solidaridade" á asociación Doa Saúde Mental, presidida por Leopoldo Robla Álvarez, e ao sindicalista afincado en Baiona Silvano Montes Sánchez. 

Con este galardón, o sindicato quere recoñecer o labor realizado por Doa Saúde Mental na integración, defensa e mellora na calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, obxectivos para os que organiza diferentes actividades, ofrece servizos de rehabilitación psicosocial e asesora e informa os usuarios e ás súas familias. 

Doutra banda, CC OO premia a Silvano Montes pola súa traxectoria laboral e social desde que a finais dos anos 70 participou nunha reunión semiclandestina da que naceu o movemento sindical en Paradores. Montes, afiliado a Comisións, formou parte do Comité Intercentros de Paradores, do que a principios dos anos 90 foi elixido presidente. Durante esa época, "participou activamente" nas mobilizacións e accións do sindicato en Vigo. 

Os galardoados recibirán o seu premio durante unha cerimonia que comezará ás 19.30 horas do próximo venres 28 de abril na sede de Vigo da Afundación.

Vía Faro de Vigo



Compartir contido