26/11/2017.

Doa testa os beneficios da terapia canina na saúde mental

Os cans teñen unha intelixencia que lles permite percibir as emocións que lles rodean e, ao mesmo tempo, son capaces de cambiar estados de ánimo. Así o constatou o xefe de Psiquiatría do CHUVI e investigador da Fundación Biomédica Galicia Sur, José Manuel Olivares. Con todo, non hai ningún estudo que comprobase os seus beneficios no tratamento de pacientes. Coa asociación Doa de saúde mental e os terapeutas caninos de Con. Tacto, tratarán de demostralo cientificamente en persoas con enfermidade mental grave. 

Durante un período de seis meses, recollerán os cambios que en doce usuarios de Doa provoque a terapia con Trasto, Budi e Trece, un golden retriever e dous border collies, que os visitarán unha vez á semana. Para iso, a psiquiatra e investigadora Tania Rivera xa someteu aos pacientes a unha avaliación previa e controla o seu estado basal, coñecendo as súas inquedanzas e medos. Complementarán esta observación con probas moleculares para comprobar a correlación. Está financiado pola farmacéutica Janssen. 

Laura Pazos, directora de Con.Tacto, destaca que "hai xente reticente a estas terapias" e espera que o estudo sirva para "que se saiba que hai unha alternativa real". Olivares destaca que se trata dun complemento á medicación que "pode servir para desbloquear situacións ou sensacións". 

En Doa xa o percibiron nun programa municipal hai uns anos. "Contribúe a unha mellora da calidade de vida", destaca o seu presidente, Leopoldo Robla. No Nicolás Peña tamén o usaron dous meses. "O resultado foi asombroso, pacientes que non levantaban a cabeza empezaron a relacionarse", subliña Rivera. 

O acto de presentación deste programa de terapia canina para persoas con trastorno mental grave tivo lugar o luns día 20 de novembro no salón de conferencias do Edificio Cambón e contou coa presenza do Xerente do CHUVI (Félix Rubial), o Xefe de Área de Psiquiatría de Vigo (Dr. Olivares), o Presidente de Doa (Leopoldo Robla) e a psicóloga especializada en terapia canina (Laura Pazos) do Gabinete Terapia Con.Tacto. 

Vía Faro de Vigo.



Compartir contido