11/07/2018.

Dúas compañeiras administrativas grazas ao programa de emprego xuvenil



Grazas ao programa operativo de emprego xuvenil, en Saúde Mental FEAFES Galicia tivemos a oportunidade de incorporar á nosa plantilla a dúas administrativas que realizaron funcións de xestión dentro do servizo de atención integral a persoas con enfermidade mental e as súas familias.

Deste xeito, desde o 20 de decembro de 2017 ata o 19 de xullo de 2018, as compañeiras Ana López e Úrsula Medina, técnicas superiores en administración e finanzas, estiveron traballando nas delegacións de Santiago e A Coruña. As súas tarefas realizáronse nas áreas de información e atención a persoas usuarias e asociacións, xestión administrativa e lecer e deportes.

Durante este tempo, Ana e Úrsula facilitaron información e atención telefónica e presencial sobre cuestións administrativas e sobre os servizos prestados pola entidade, ademais de realizar xestión documental e bases de datos, trámites administrativas, seguimento e mantemento dos servizos e das oficinas e xestión de comunicacións por correo electrónico.

Tamén brindaron apoio nas presentacións e xustificacións técnicas e económicas de subvencións e axudas, colaboraron en actividades de ocio, deporte e respiro familiar, e participaron nos equipos de traballo da entidade.

Todo isto lles permitiu adquirir coñecemento sobre o funcionamento e a xestión dos servizos e programas de Saúde Mental FEAFES Galicia, así como adquirir as habilidades sociais propias dun servizo de atención a este colectivo. Tamén obtiveron experiencia no traballo multidisciplinar e coordinado, no manexo de ferramentas informáticas, na xestión e control de documentación confidencial e na xestión económica e administrativa dunha entidade sen ánimo de lucro.

Programa operativo de emprego xuvenil

O programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil da Xunta de Galicia, ten como obxectivo o fomento da contratación de persoas menores de 30 anos para favorecer a súa inserción no mercado laboral.

Para logralo, esta convocatoria conta con tres programas, entre eles o programa de cooperación con entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil.

Neste senso, ofrecéronse contratacións de sete meses de duración co obxecto de proporcionarlles ás persoas mozas unha experiencia profesional que facilite a súa inserción laboral. As contratacións foron realizadas por entidades sen ánimo de lucro con capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.


Compartir contido