16/10/2019.

Exposición de pintura “Voa con nós”

No marco das actividades conmemorativas do Día Mundial da Saúde Mental, Avelaíña ven de presentar a exposición de pintura “Voa con nós”. Trátase dunha mostra que representa a metamorfose da avelaíña e conta con creacións cheas de sentimentos, medos, amor, e sobre todo de logros para comezar a voar.

A exposición poderá visitarse no Auditorio Reveriano Soutullo, en Ponteareas, do 10 de outubro ao 10 de decembro. O horario de visita, previa reserva, son os luns, mércores e venres de 10h a 13h. Ademais, as asociacións, institucións ou colectivos sociais poderán reservar a súa visita guiada no teléfono 886 31 16 63. 

A mostra consta de tres partes, representando a través destas o ciclo dunha avelaíña. DE EIRUGA A CRISÁLIDA representa o medo do primeiro contacto co lenzo en branco que dá paso á posibilidade de crear, de expresar e, sobre todo, de divertirse confiando nas posibilidades dun mesmo.

O VOO DA AVELAÍÑA representa o camiño realizado e a liberdade para crear coas técnicas adquiridas. Despréganse as ás en busca da luz, mediante obras abstractas e realistas. Confíase en que é posible despegar, en que é posible crear. E que, a pesar de ter o vento en contra, pódese seguir voando.

OUTRAS ÁS,OUTRAS CORES consta de obras realizadas polos compañeiros e compañeiras da asociación Avelaíña, nas súas sedes de Baixo Miño e Val Miñor.


Compartir contido