19/10/2016.

FEAFES Galicia continúa a traballar con persoas sen teito en Compostela



A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asinou dous novos convenios de colaboración con entidades sociais que ascenden a 135.000 euros. Na sinatura estiveron presentes María de las Mercedes Casanova e Xosé Ramón Girón, como representantes de Cruz Vermella e FEAFES Galicia, respectivamente.

No caso de FEAFES Galicia, procedeuse á sinatura dun convenio por importe de 60.000 euros que "complementa o programa sobre persoas sen fogar incluído no convenio con Cruz Vermella". FEAFES Galicia desenvolverá a actividade de atención a persoas con enfermidade mental crónica e persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social, a través da cal preténdese dar resposta á situación de carencia de necesidades básicas, entre elas a vivenda, pola que atravesan estas persoas e as súas familias en Santiago de Compostela.

O obxectivo do programa é atender as necesidades específicas individuais das persoas con enfermidade mental en grave risco de exclusión social dando resposta ás mesmas, facilitando a atención e os recursos necesarios. A intervención fundaméntase principalmente na intervención directa e na coordinación e derivación aos recursos da comunidade para o tratamento destas patoloxías e a atención das súas necesidades. O fin da proposta é contribuír a mellorar a atención social e sanitaria destas persoas e súa calidade de vida.

Durante a sinatura do convenio, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde lembrou que o Concello continúa a traballar para mellorar a calidade de vida das persoas en exclusión social e das persoas sen fogar. Por iso "organizamos a primeira xornada sobre senfogarismo o próximo 27 de novembro", na que participarán persoas expertas e entidades procedentes de toda España, entre elas FEAFES Galicia.  

Compartir contido