22/03/2018.

FEAFES Galicia e a Fundación Barrié atenden a persoas internas con problemas de saúde mental



A Fundación Barrié presentou hoxe, xoves 22 de marzo, dous novos convenios de colaboración con Institucións Penais, co obxectivo de traballar pola reinserción de persoas privadas de liberdade. Trátase dunha iniciativa pioneira como modelo de colaboración entre o ámbito público e privado na que a Fundación Barrié coordina os dous programas participados por Institucións Penais, Fundación Roviralta, FEAFES Galicia, Fundación e Asociación Érguete. 

A presentación contou coa intervención de José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié; Ángel Yuste Castillejo, secretario xeral de Instituciones Penais; Tomás Testor, secretario xeral da Fundación Roviralta; Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES Galicia e Carmen Avendaño, presidenta da Fundación e da Asociación Érguete. 

Os dous programas destes convenios desenvólvense nos diferentes graos e seccións do ámbito penal en Galicia e teñen enfoques diferentes dentro dun mesmo obxectivo, que é a reinserción. Trátase do "Programa de apoio a módulos e actividades educativas en Centros Penais de Galicia" e o "Programa de atención integral a persoas con enfermidade mental en Centros Penais de Galicia", sendo este segundo no que participa FEAFES Galicia. 

O traballo continuado pola reinserción de persoas privadas de liberdade dos centros penais de Galicia e a Fundación Barrié permitiu que hoxe, case o 70% da poboación penal galega sexa beneficiaria dalgúns dos dous programas. 

Atención integral a persoas internas con enfermidade mental 

Este proxecto lévano a cabo FEAFES Galicia e catro das súas asociacións federadas: Alume (Lugo), Morea (Ourense), APEM (A Coruña) e Lenda (Redondela). Para iso contan co apoio da Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, do mesmo xeito que traballan coordinadamente cos funcionarios e profesionais dos centros penais. 

O seu obxectivo é conseguir que as persoas internas con problemas de saúde mental coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía, evitando recaídas e favorecendo á vez a participación nos programas e recursos do centro. Búscase tamén a implicación e contactos coas familias. 

Para iso, realízanse actividades tales como intervencións individuais, talleres de psicoeducación, psicoterapia, habilidades sociais, rehabilitación cognitiva, vida saudable, saídas terapéuticas, formación a funcionarios, atención a familias e concesión de axudas a internos de apoio. 

Neste programa participan ao redor de 165 persoas con enfermidade mental grave e persistente, dos cales 35 recibiron unha bolsa como internos de apoio en recoñecemento ao seu importante traballo no marco das accións do proxecto. 
Compartir contido