27/03/2017.

FEAFES Galicia imparte formación para as súas asociacións



Ao longo de febreiro e marzo, FEAFES Galicia levou a cabo unha serie de cursos dirixidos a distintos membros das súas asociacións federadas, nos que participaron un total de 55 persoas. Estas accións enmárcanse dentro do Plan de Desenvolvemento Asociativo de FEAFES Galicia no seu reto nº 2: “Favorecer o fortalecemento institucional da federación e a mellora da súa cohesión interna”.

Trátase de tres accións formativas cuxo contido foi elixido polas propias persoas participantes. Do 7 ao 14 de febreiro tivo lugar o curso “Formulación de Proxectos”, dirixido a técnicos de atención directa das asociacións e impartido por Enrique Castro, coordinador de desenvolvemento asociativo de FEAFES Galicia. Neste curso, os alumnos aprenderon a planificar actuacións tendo en conta o marco lóxico das mesmas, así como a deseñar e formular proxectos adecuadamente.

Do 21 de febreiro ao 1 de marzo desenvolveuse o curso “Avaliación de proxectos sociais”, dirixido a directores, xerentes e coordinadores das asociacións federadas ou dalgún dos servizos xestionados polas mesmas. Impartido por Luís Pemán, Consultor de AID Social Consultores, nesta formación presentáronse distintos tipos de avaliación, explicouse como debe ser o deseño dun plan de avaliación e que metodoloxías son as máis axeitadas.

Finalmente, do 22 ao 29 de marzo tivo lugar o curso “Dinamización e participación asociativa” dirixido a membros das Xuntas Directivas das asociacións de FEAFES Galicia. Da man de David Pereiro, consultor de Algalia Sociedade Cooperativa, expúxose como e quen debe participar nunha asociación, estratexias para fomentar a participación nas entidades sociais, como fomentar a participación a través das novas tecnoloxías ou como dinamizar a vida asociativa.

Con estas accións formativas, FEAFES Galicia pretende fortalecer os servizos da  federación dirixidos ás súas entidades membro, compartindo espazos de formación e reflexión sobre o quefacer técnico das distintas asociacións. Igualmente, estes cursos permitiron mellorar a capacitación técnica dos seus profesionais, así como promover a posta en marcha de accións que permitan fortalecer a participación nas asociacións, dando claves para a súa implementación.

Compartir contido