16/09/2016.

FEAFES Galicia intensifica o seu proxecto de inclusión social



FEAFES Galicia continua un ano máis co desenvolvemento do proxecto  “Inclusión Social: Programa de Atención Integral a Persoas con Discapacidade por mor de Enfermidade Mental”. Este programa trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con enfermidade mental na Comunidade Autónoma de Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas individuais e facilitando o apoio e acompañamento social necesario para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral.

O Proxecto de Inclusión Social está cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, estando enmarcada esta actuación dentro do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER ou FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.

Este proxecto responde á necesidade de actuar contra a vulnerabilidade, as barreiras e o illamento social que sofren as persoas con enfermidade mental, situacións que fan deste colectivo un grupo especialmente desprotexido. FEAFES Galicia considera que é necesario levar a cabo estratexias de protección que favorezan unha vida digna para estas persoas no seo da comunidade da maneira o máis autónoma e participativa posible.

Neste sentido, o proxecto continúa este ano coas tres acciones postas en marcha en anos anteriores, e impulsa unha nova centrada na realización de puntos formativos de inclusión sociolaboral para persoas con enfermidade mental.

Inclusión sociolaboral con acompañamento para persoas con enfermidade mental:

Consiste en poñer en marcha un sistema de intervención baseado no asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con enfermidade mental que sexan demandantes de emprego e estean en situación especial de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Este programa pretende favorecer a integración sociolaboral destes usuarios mediante o deseño de itinerarios individualizados para cada un deles. 

Inclusión sociolaboral con acompañamento para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social e con enfermidade mental:

Trátase de levar a cabo un sistema de intervención baseado na información, acompañamento e orientación sociocomunitaria de persoas con enfermidade mental e sen teito que estean en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. O obxectivo deste programa é favorecer a súa calidade de vida e progresiva integración social a través de itinerarios personalizados. 

Inclusión sociolaboral con acompañamento para persoas tuteladas pola FUNGA con enfermidade mental:

Actualmente, o 25% das persoas tuteladas pola Fundación Galega para a Tutela de Adultos (FUNGA) ten como causa única padecer unha enfermidade mental. Este proxecto pretende achegarse e coñecer a realidade do colectivo de persoas tuteladas con enfermidades mentais graves, ofrecer apoio social e acompañamento, facilitar a súa reinserción social e promover un modelo de cooperación e colaboración entre diferentes entidades públicas e privadas co fin de favorecer unha atención integral do colectivo.

Inclusión sociolaboral para persoas con enfermidade mental:

Tendo en conta a situación do mercado laboral e como esta afecta o noso colectivo, consideramos prioritario preparar ao máximo posible aos nosos usuarios no manexo de técnicas e estratexias que faciliten o seu acceso e mantemento no mercado laboral. Por iso, este proxecto pretende ofrecer apoio para que participantes con enfermidade mental poidan acceder a accións formativas transversais e realizar prácticas non laborais co obxectivo de desenvolver habilidades sociolaborais que faciliten a súa inclusión e a mellora das súas  competencias persoais e profesionais.



Compartir contido