11/11/2016.

FEAFES Galicia na Feira Internacional do Emprego Universitario

A Finde.U nace do compromiso entre as Universidades de Vigo, O Porto e Tras-Os-Montes e Alto Douro de traballar de maneira conxunta e coordinada na creación dun espazo de achegamento do talento universitario ao tecido empresarial non só en Galicia e o norte de Portugal, senón tamén nun marco internacional moito máis amplo.

Entre as actividades organizadas no marco desta iniciativa, atópase a Feira Internacional do Emprego Universitario, que se celebrou en Oporto o 2 e 3 de novembro e en Vigo os días 8 e 9 do mesmo mes. Trátase dun espazo de encontro entre empresas, entidades sociais e universitarios en procura de emprego no que FEAFES Galicia contou cunha caseta para realizar difusión, sensibilización e prospección laboral. Desde este stand, as profesionais de FEAFES Vigo informaron ás persoas interesadas sobre os servizos e programas que desenvolve a entidade. 

A través de iniciativas como esta, a Finde.U pon en contacto coas principais organizacións empresariais españolas, portuguesas e internacionais a máis de 60.000 estudantes universitarios que van incorporarse ao mundo laboral, ademais de darlles a oportunidade de coñecer distintas entidades sociais para que poidan valorar diversas saídas profesionais nas súas áreas de formación.

    
Compartir contido