10/04/2017.

FEAFES Galicia pasea pola saúde en Ourense

A depresión centrou este ano os actos programados con motivo do Día Mundial da Saúde, celebrado o 7 de abril. Por iso, o Concello de Ourense animou a todos os veciños a participar un ano máis no tradicional Paseo da Saúde, o cal congregou a máis dunha trintena de asociacións do ámbito da saúde entre as que se atopa FEAFES Galicia. 

A marcha partiu da praza de San Martiño ás 12:00 horas e durou unha hora aproximadamente. Nela participaron traballadores e usuarios de FEAFES Galicia, que quixeron unirse a esta iniciativa para facer ver que a saúde non é soamente unha cuestión física, senón tamén mental. Ao finalizar a andaina, un representante de FEAFES Galicia participou na lectura dun manifesto polo Día Mundial da Saúde.
 
Durante toda esta actividade púxose o acento na importancia que ten a información para tratar de previr a depresión, a cal, no peor dos casos, pode provocar o suicidio e é xa a segunda causa de morte entre os mozos de 15 a 29 anos, segundo a OMS.
 
Ángeles Fernández, presidenta da Asociación Morea, alertou ao xornal La Región de que o problema radica en que "este trastorno hai que velo e hai que facelo ver", reclamando así unha maior implicación social. Ángeles lembra ademais que "moitas persoas con depresión reducen pouco a pouco o seu contacto social", e pide que "traballemos todos xuntos como puntos de apoio para axudarlles a saír adiante. A estigmatización da enfermidade é un obstáculo para que as persoas pidan axuda".


Compartir contido