20/06/2016.

FEAFES Galicia presenta a súa memoria de actividades 2015

A federación galega de saúde mental, FEAFES Galicia, sacou á luz a súa memoria de actividades correspondente ao ano 2015 coa fin de visibilizar as accións realizadas a favor do colectivo das persoas con enfermidade mental e os seus familiares. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.

Ao longo do 2015, o Servizo de Atención Sociofamiliar de FEAFES Galicia atendeu a un total de 427 persoas. Realizáronse 657 consultas presenciais e atendéronse 3.238 chamadas á liña gratuíta, ademais de prestar apoio na xestión de 115 recursos e realizar 408 seguimentos coordinados con outros profesionais e axentes implicados na atención á saúde mental. O Servizo de Asesoría Xurídica, pola súa banda, atendeu un total de 337 consultas procedentes de persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais. 

A través do Servizo de Emprego recibiron orientación laboral un total de 2.631 persoas, logrando que 183 usuarios accedesen ó mundo laboral a través de 319 contratos. Fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais, das que puideron beneficiarse 41 usuarios, e realizáronse accións de prospección laboral visitando 154 empresas e logrando 59 convenios de colaboración. Cabe destacar tamén a importancia do emprego con apoio, realizado en 169 casos.

Tamén potenciouse o traballo no eido da Atención á Exclusión a través de programas como o de Atención Integral en Centros Penitenciarios, no cal se traballou con 155 persoas internas con enfermidade mental, ou o Proxecto de Inclusión Social, que atendeu a 77 persoas en risco de exclusión nas súas diversas liñas de actuación. En Santiago realizouse un traballo de rúa coordinado con Cruz Vermella a través do Programa de Atención a Persoas sen Fogar, e tanto en Compostela como na Coruña creáronse Mesas de Traballo para abordar a atención ás persoas en grave risco de exclusión social.

O Servizo de Ocio e Deportes ofreceu estancias vacacionais e viaxes para persoas con enfermidade mental, ademais de realizar o Camiño de Santiago con 38 camiñantes. Conta cun programa de deporte e saúde no que participan 490 usuarios e cun programa cultural do que fixeron uso 1.193 persoas ao longo do ano. Cabe destacar, ademais, a ampla actividade dos Clubs de Ocio, que contan con 619 membros e a colaboración de 12 voluntarios.

En canto ao Servizo de Comunicación e Sensibilización, no 2015 lográronse 175 aparicións en medios de comunicación e a páxina web recibiu un total de 69.560 visitas, destacando tamén a ampla presenza na Internet a través das redes sociais. En canto ás accións de sensibilización, destacan a Campaña Mentalízate, as VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego, o XIX Congreso Estatal FEAFES e a presentación do documental #Di_capacitados. No tocante á formación, FEAFES Galicia realizou ó longo do 2015 un total de 97 accións formativas tanto internas como externas.

Outro eido de destacable actividade foi o da Incidencia Política e o Diálogo Civil, a través do cal se realizaron 31 reunións coas Consellerías vinculadas ao noso traballo. Ademais, FEAFES Galicia forma parte de entidades de terceiro nivel como EAPN-Galicia, Cermi Galicia e a Confederación Salud Mental España, coas que se realizaron 38 reunións ao longo do ano. 

Para ver a memoria 2015 completa pica aquí.
Para ver as vídeomemorias 2015, pincha aquí.

Compartir contido