20/06/2017.

FEAFES Galicia presenta a súa memoria de actividades 2016

A federación galega de saúde mental, FEAFES Galicia, sacou á luz a súa memoria de actividades correspondente ao ano 2016 coa fin de visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental e os seus achegados. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.

Ao longo do 2016, o Servizo de Información e Asesoramento de FEAFES Galicia atendeu a 373 persoas por primeira vez. Realizáronse 706 entrevistas presenciais e atendéronse 2.777 chamadas á liña gratuíta, ademais de prestar apoio na xestión de 117 trámites e realizar 420 seguimentos coordinados con outros profesionais e axentes implicados na atención á saúde mental. O Servizo de Asesoría Xurídica, pola súa banda, atendeu un total de 341 consultas procedentes de persoas con problemas de saúde mental, familiares e profesionais. 

A través do Servizo de Emprego recibiron orientación laboral un total de 2.712 persoas, logrando que 213 usuarios accedesen ó mundo laboral a través de 391 contratos. Fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais, das que puideron beneficiarse 29 usuarios, e realizáronse accións de prospección laboral realizando 318 visitas a empresas e logrando 71 convenios de colaboración. Cabe destacar tamén a importancia do emprego con apoio, levado a cabo en 189 casos.

Tamén potenciouse o traballo no eido da Atención á Exclusión a través de programas como o de Atención Integral en Centros Penitenciarios, no cal se traballou con 159 persoas internas con problemas de saúde mental, ou o Proxecto de Inclusión Social, que atende a persoas en risco de exclusión a través de diversas liñas de actuación. En Santiago desenvolveuse o Programa de Atención a Persoas sen Fogar, do cal se beneficiaron 241 persoas, e na Coruña continuouse a traballar en rede na Mesa de Persoas sen Fogar para abordar a atención ás persoas en grave risco de exclusión social.

O Servizo de Ocio e Deporte ofreceu estancias vacacionais e viaxes para persoas con problemas de saúde mental, ademais de realizar o Camiño de Santiago con 54 peregrinos. Temos un programa de deporte e saúde no que se levaron a cabo 55 actividades nas principais cidades galegas. Cabe destacar, ademais, a ampla actividade dos Clubs de Ocio, que contan con 544 membros e a colaboración de 14 persoas voluntarias.

En canto ao Servizo de Comunicación e Sensibilización, no 2016 lográronse 168 aparicións en medios de comunicación e a páxina web recibiu un total de 70.512 visitas, destacando tamén a ampla presenza na Internet a través das redes sociais. En canto ás accións de sensibilización, destaca a campaña #Eunonteñoprexuízos realizada a propósito do Día Mundial da Saúde Mental, que logrou unha gran cobertura e acollida. Organizouse tamén a I Xornada de Ética e Discapacidade, levouse a cabo a campaña Mentalízate e participamos na iniciativa “Baixo o mesmo paraugas” polo Día da Discapacidade. 

No tocante á formación, os profesionais de FEAFES Galicia acudiron a 32 cursos, do mesmo xeito que impartiron accións formativas en 15 seminarios e xornadas. Organizáronse dous cursos internos de formación continua e acolléronse a 5 estudantes en prácticas.

Por outra banda, FEAFES Galicia puxo en marcha un Plan de Desenvolvemento Asociativo que pretende definir liñas de futuro conxuntas entre todas as entidades membro de FEAFES Galicia Saúde Mental para potenciar a súa cohesión e unidade. Neste eido traballouse na mellora da organización asociativa, no fortalecemento institucional e na innovación na prestación de servizos.

Outro eido de destacable actividade foi o da Incidencia Política e o Diálogo Civil, a través do cal se mantén unha interlocución frecuente coas Consellerías vinculadas ao noso traballo e outras administracións. Ademais, FEAFES Galicia forma parte de entidades de terceiro nivel como EAPN-Galicia, Cermi Galicia e a Confederación Salud Mental España, coas que se realizaron 27 reunións ao longo do ano. 

Para ver a memoria 2016 completa, pica aquí.
Compartir contido