26/10/2017.

FEAFES Galicia segue a traballar na inclusión social

FEAFES Galicia continua un ano máis co desenvolvemento do proxecto  “Inclusión Social: Programa de Atención Integral a Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental”. Este programa trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con enfermidade mental na Comunidade Autónoma de Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas individuais e facilitando o apoio e acompañamento social necesario para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral.

O Proxecto de Inclusión Social está cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, estando enmarcada esta actuación dentro do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER ou FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.

Este proxecto responde á necesidade de actuar contra a vulnerabilidade, as barreiras e o illamento social que sofren as persoas con problemas de saúde mental, situacións que fan deste colectivo un grupo especialmente desprotexido. FEAFES Galicia considera que é necesario levar a cabo estratexias de protección que favorezan unha vida digna para estas persoas no seo da comunidade da maneira o máis autónoma e participativa posible.

Neste sentido, o proxecto desenvolverase nesta nova convocatoria a través das seguintes accións:

Itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego (servizo de apoio á inclusión sociolaboral):

Trátase da posta en marcha dun sistema de intervención baseado na información, asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con discapacidade, demandantes de emprego e en situación de especial vulnerabilidade ou risco social, co obxecto de favorecer a súa integración sociolaboral a través da execución de itinerarios personalizados de inclusión. Dentro desta acción desenvolverase un itinerario específico para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social. 

Punto formativo de inclusión sociolaboral para persoas con enfermidade mental (servizo de formación adaptada):

Levaranse a cabo unha serie de obradoiros que tratan de potenciar as habilidades e capacidades de persoas con problemas de saúde mental para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral. O punto formativo inclúe tres cursos que se realizarán, cada un deles, nas cidades de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo: xestión da economía doméstica, alfabetización dixital e igualdade e inclusión social.




Compartir contido