23/09/2015.

FEAFES Vigo move o esqueleto en clases de baile de salón

O pasado venres 11 de outubro, 21 usuarios do Club de Ocio de FEAFES Vigo e 4 da asociación Doa comezaron unha actividade de lecer que os manterá activos e animados ata o mes de decembro. Trátase dun taller de bailes de salón impulsado a través do programa “Pensa en Ti” da Deputación de Pontevedra, o cal comprende un amplo catálogo de actividades culturais, lúdicas e deportivas para a poboación da provincia.

O programa “Pensa en ti” busca mellorar a formación básica de mulleres pertencentes a asociacións veciñais ou de iniciativa social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias. No caso das clases de bailes de salón, a demanda dos usuarios de FEAFES Galicia foi tal que tamén acudirán homes coa fin de iniciarse nesta materia e gozar da danza.

A través destas clases, os participantes poderán mellorar a coordinación matriz, coñecer os elementos que compoñen a música, aprender pasos básicos de baile e mellorar a capacidade rítmica. Os talleres realizaranse todos os venres ata o 18 de decembro, sumando un total de 30 horas de clases.

A acollida desta actividade na súa primeira sesión non puido ser mellor: os usuarios demostraron unha gran implicación e gozaron ao máximo da experiencia. Tanto é así que propuxeron realizar unha actuación en decembro para clausurar as clases coa opción de que asistan os familiares e amigos para disfrutar do espectáculo. Se finalmente a idea sae adiante... non vos quedaredes sen saber máis sobre ela!


Compartir contido