17/02/2020.

Fabiola García coñece o traballo de Saúde Mental FEAFES Galicia a través da asociación A Creba

A conselleira de Política Social, Fabiola García, foi convidada a pasada semana a visitar unha asociación de Saúde Mental FEAFES Galicia para coñecer o traballo que realiza a entidade a favor das persoas con problemas de saúde mental. Así, o venres 14 de febreiro achegouse ao centro ocupacional de A Creba en Noia, onde destacou o seu traballo na inserción sociolaboral deste colectivo. 

Fabiola García coñeceu de primeira man os obradoiros de deseño téxtil, tratamento do coiro ou da pasta de papel que facilitan a transición ao mundo laboral das persoas usuarias de A Creba. A conselleira puido ver as necesidades e o funcionamento das súas instalacións, ao tempo que agradeceu o labor das entidades sociais que atenden día a día ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

A Xunta de Galicia financia oito das vinte prazas deste centro en Noia. Asemade, a Consellería de Política Social achegou no 2019 un total de 1,1 millóns de euros a Saúde Mental FEAFES Galicia, partida que permite que as asociacións federadas poidan desenvolver múltiples programas e actuacións.

Pola súa banda, Xosé Ramón Girón, presidente de A Creba e de Saúde Mental FEAFES Galicia, agradeceu a visita da conselleira, “unha persoa que sempre manifesta unha gran sensibilidade cara os problemas do noso colectivo, as persoas con problemas de saúde mental grave, que necesitan todo un proceso de recuperación para normalizar a súa vida”. Nesta liña, lembrou que os problemas de saúde mental están moi invisibilizados, o cal dificulta a súa abordaxe e normalización.

Vía El Correo Gallego.


Compartir contido