14/03/2019.

Fonte da Virxe: 25 anos de experiencias

Este ano, Fonte da Virxe está de aniversario e quere celebralo con todas as persoas que se queiran sumar, pero moi especialmente con aquelas que formaron parte dos seus primeiros 25 anos de historia.

Para iso, o 29 de xuño celebrará unha romaría-xantar de aniversario que terá lugar en Conxo, xunto á fonte da virxe orixinal que deu nome á asociación. Pero ademais, ata entón organizará outras actividades para que a celebración se estenda durante todo o 2019 e se converta nunha oportunidade para facer balance, gozar de bos momentos e marcarse retos de futuro.

Cada unha das actividades previstas pretende ser unha invitación á participación, tanto presencial como vía online. Iremos ampliando información a medida que avance o ano, pero de momento podes descubrir a orixe da asociación e compartir a túa experiencia con ela!

Coñece: 25 anos de historia

A fonte da virxe foi un punto de referencia nos xardíns do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Era unha zona de paseo habitual para os internos e tamén un lugar frecuentado polos profesionais sanitarios cando buscaban un espazo máis distendido que as consultas para encontrarse cos pacientes e as familias. Nese contexto foi onde algúns profesionais animaron aos familiares a organizarse para apoiar a atención sociocomunitaria como alternativa aos hospitais psiquiátricos.

En 1994 naceu a asociación e tomou o nome do seu lugar de orixe. Así, Fonte da Virxe foi abrindo puntos de apoio para as persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares da área de Compostela fóra do recinto hospitalario. Actualmente conta cun Centro de Rehabilitación no Barrio de San Pedro e un Centro Ocupacional en A Barcia. 

Participa: 25 anos de experiencias

Fonte da Virxe quere invitarte a participar na celebración dos seus 25 anos de historia. Se nalgún momento a asociación formou parte da túa vida, podes reflexar ese vínculo ou a túa visión da entidade enviando unha FOTO individual + PALABRA ou FRASE a través do seguinte formulario

Socios, usuarios, familiares, profesionais, colaboradores, amigos, representantes doutras institucións ou entidades sociais... todos estades convidades a enviar a vosa foto + frase, que despois será compartida na web do aniversario e no Facebook da asociación. Emocións, contactos, recontos, vivencias, soños cumpridos ou por cumprir... todo ese patrimonio emocional e de relacións que se fai especialmente presente nos aniversarios sinalados, terá un espazo na programación dos 25 anos da asociación.


Compartir contido