09/01/2017.

Formación no marco do Proxecto de Inclusión Social

No marco do proxecto “Inclusión Social: Programa de Atención Integral a Persoas con Discapacidade por mor de Enfermidade Mental”, FEAFES Galicia leva a cabo unha serie de obradoiros que tratan de potenciar as habilidades e capacidades de persoas con problemas de saúde mental para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral. O Punto Formativo de Inclusión Sociolaboral para Persoas con Enfermidade Mental inclúe os seguintes obradoiros: 

O obradoiro de competencias transversais ten unha duración de 30 horas nas que os alumnos adquirirán unha serie de aptitudes básicas que lles permitirán mellorar a súa participación social e comprensión do entorno comunitario, obtendo coñecementos e habilidades da vida diaria que perfeccionen as súas capacidades de autoxestión persoal, social e laboral. Este curso, que xa se realizou en Vigo durante o mes de decembro, comezará o 9 de xaneiro nas cidades de A Coruña, Lugo e Ourense, e o 30 de xaneiro en Santiago.

Pola súa banda, o obradoiro de alfabetización dixital, de 20 horas de duración, busca que os alumnos sexan capaces de empregar as novas tecnoloxías como ferramentas útiles no seu proceso de inclusión sociolaboral, favorecendo a adquisición de destrezas básicas no emprego de programas informáticos que lles permitan manexar a información, realizar búsquedas de interese, xestións administrativas, etc. Este curso comezará o 23 de xaneiro en Lugo, Ourense e Vigo, un día despois en A Coruña e o 13 de febreiro en Santiago.

Proxecto de Inclusión Social

O Proxecto de Inclusión Social está cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, estando enmarcada esta actuación dentro do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER ou FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.

Este proxecto responde á necesidade de actuar contra a vulnerabilidade, as barreiras e o illamento social que sofren as persoas con enfermidade mental, situacións que fan deste colectivo un grupo especialmente desprotexido. FEAFES Galicia considera que é necesario levar a cabo estratexias de protección que favorezan unha vida digna para estas persoas no seo da comunidade da maneira o máis autónoma e participativa posible. 


Compartir contido